O BNG impón 12 condicións para a investidura do socialista Francisco Pérez como alcalde de Noia
O BNG asinou un acordo co PSdeG coa intención de impulsar un cambio político en Noia. «A nefasta
xestión de Santiago Freire lévanos a dar este paso, queremos que haxa unha mudanza de rumbo
ante a cada vez máis desnortada forma de funcionar dun Concello carente de folla de ruta», salienta
o portavoz da formación en Noia, Ricardo Suárez.
«As eivas da acción de Goberno do PP e do NO.I.A. non poden continuar. É preciso acabar cunha
situación que cada vez é máis calamitosa. Noia está cada vez máis abandonada e o clientelismo é
cada vez máis grave», asevera o portavoz do BNG na localidade.
Neste sentido, no documento asinado por Ricardo Suárez e Francisco Pérez, portavoces do BNG e do
PSdeG de Noia, a formación nacionalista impón 12 condicións para a investidura do socialista.
«Trátanse de 12 compromisos e liñas de actuación para que o cambio na Alcaldía implique unha
mellora da nefasta xestión do Goberno actual», explica Suárez.
«O noso apoio non será un cheque en branco. O noso único compromiso e a nosa única lealdade é
con Noia e cos intereses de Noia», continua o nacionalista. «Seguiremos de preto o cumprimento
destas 12 condicións se a investidura de Pérez prospera, e manteremos unha actitude activa para
seguir a acción de goberno e buscar acordos que satisfagan as necesidades da veciñanza», conclúe.
En Noia, a 28 de xullo de 2025.