O Concello de Noia vén de licitar a mellora dos accesos á senda litoral de Obre e o acondicionamento do firme dos Xardíns Felipe de Castro, dúas obras financiadas con fondos europeos Next Generation EU e cun investimento que supera os 187.000 euros.
As actuacións teñen como obxectivo avanzar na mellora da mobilidade peonil e da integración do patrimonio natural e histórico no núcleo urbano.
As melloras en Obre buscan crear unha transición amable entre a trama urbana e a contorna natural protexida, empregando pavimentos de adoquín de pedra granítica en zonas de solo urbano, e acometendo a renovación dos firmes deteriorados.
Pola súa banda, o acondicionamento do firme dos Xardíns Felipe de Castro incluirá a eliminación de obstáculos que dificultan a mobilidade e tamén a posta a punto do mobiliario urbano existente.
O alcalde, Francisco Pérez, subliñou que «son actuacións que reforzan a nosa aposta por unha Noia máis accesible, máis amable e con maior valoración do seu patrimonio».
