Francisco Pérez Caamaño aproveitou o pleno deste mes de febreiro, celebrado o
pasado xoves 26, para facer un balance dos seis meses que leva á fronte do goberno
do Concello de Noia. “A aterraxe nunha institución, cando ademais se produce a
metade de mandato, sempre é complicada”, asegura o alcalde e secretario xeral dos
socialistas de Noia, quen destaca que a unidade do equipo de Goberno que lidera fixo
esta tarefa moito máis doada.
“Traballamos a unha por Noia, e iso nótase nos resultados. Nestes seis meses de
cambio conseguimos darlle a volta ás políticas do Concello e a cidadanía nótao”,
defende o alcalde e secretario xeral do partido en Noia, agradecendo a predisposición
non só dos concelleiros que forman parte do goberno, senón tamén do BNG, con quen
asegura que as relacións son fluídas e frutíferas.
O rexedor fai especial fincapé na situación económico-financeira que se atopou ao
chegar á alcaldía, con facturas pendentes de pago por riba do millón de euros, obras
sen presupostar adecuadamente ou servizos con graves deficiencias, como é o caso
do saneamento. “A herdanza que nos deixou o PP e o NOIA rozaba niveis
catastróficos”, denuncia. “Malia isto, fomos quen de sacar uns orzamentos en
xaneiro, algo que nesta vila non se vía desde fai anos, consignando partidas para
actuacións tan necesarias como a mellora do saneamento en varias parroquias da
vila, a posta ao día de facturas pendentes de pago no servizo de recollida do lixo ou a
mellora dos servizos sociais na vila”.

Escoita aquí a entrevista que está dividida en duas partes